A siniestralidade na pesca aumentou un 25% na comarca

O sector pesqueiro concentra o 38% dos accidentes de traballo en Galicia. Na comarca ferrolá a porcentaxe relativa sobre o global da siniestralidade laboral é moito menor, o que non impide que a preocupación pola seguridade medre de xeito paralelo ó aumento de incidentes, que nos seis primeiros meses do ano incrementáronse un 25% con respecto ó ano anterior.
ROCÍO PITA PARADA FERROL
Os traballadores do mar pertencentes ós concellos da bisbarra de Ferrol sumaron un total de 44 accidentes de traballo coas súas respectivas baixas laborais. Todos eles foron leves, si, pero demasiados para unha zona na que no mesmo período do ano só se rexistraron 35. Supón unha cuarta parte máis nunha tendencia alcista que a Consellería de Traballo busca reducir por tódolos medios.
Dos 1.375 accidentes laborais rexistrados na comarca en tódolos sectores, pouco máis do 3% corresponden ó da pesca, o que non impide que, por exemplo, sexa o primeiro no ránking de Cedeira, vila mariñeira por excelencia. Alí os 22 accidentes constatados pola Xunta un terzo do total doutras actividades non deixan de ser unha boa nova. Os cedeireses reduciron case á metade os incidentes no mar, pasando de 22 a 12 en termos comparativos cos seis primeiros meses de 2005.
O contrapunto negativo pono nesta ocasión o municipio cabeceira. Ferrol duplicou o número de accidentes laborais, aínda que sumando só 16 no que vai de ano, un 2,3% da siniestralidade global no municipio.
Alto risco > E todo isto porque a pesca está considerada como unha actividade laboral de alto risco, pola inestabilidade constante do lugar de traballo, o barco, unha plataforma móbil que aumenta a inseguridade dun traballo que xa en si mesmo entraña certos perigos.
O primeiro Congreso Galego de Prevención de Riscos Laborais no sector Pesqueiro celebrado en Vigo a finais do mes de xuña poñía de manifesto o elevado das cifras de baixas laborais por enfermidade ou lesión que non chegan á opinión pública eclipsadas polas traxedias dos naufraxios.
A pesares da repercusión que acadan os sinistros en altura en grande altura, representantes do sector aseguran que onde hai maiores niveis de baixas por lesións e enfermidades son nas artes de baixura e na frota artesanal, onde as medidas de control e formación son máis difíciles de aplicar. Ademais, é preciso engadir que non se tipifican como enfermidade laboral determinados tipos de afeccións coma, por exemplo, as hernias de disc das mariscadoras, as tendinitis no túnel carpiano das redeiras ou as gripes por traballar á intemperie.
Link: www.diariodeferrol.com


