«A conselleira pedía ata hai pouco que nos manifestásemos» "Evaristo Lareo"
(Lugar: m. c. c. | redacción)
A Federación de Confrarías de Galicia convocou para mañá unha concentración en Santiago para protestar pola política pesqueira realizada pola actual Xunta. Unha mobilización que ten dividido o sector. Sete pósitos e dez agrupacións de mariscadores, ademais da UXT, desmarcáronse desta protesta.
-¿Existe intencionalidade política nesta manifestación?
-Eu non valoro que haxa política nesta convocatoria. Cada un é libre de pensar como queira. Na federación que presido hai 62 confrarías, do PP, do PSOE e do BNG e, que nós saibamos, a inmensa maioría apoian esta manifestación, porque non ven a comunicación que querían ver entre a consellería e o sector. Por iso, isto é unha chamada de atención para que se nos escoite e se nos atenda a todos.
-¿Cales son as razóns para convocar esta protesta?
-Nós protestamos por moitas cousas. Protestamos porque a conselleira non nos recibiu e porque non se cobraron no prazo prometido as axudas para o polbo. Tamén porque se excluíron delas as embarcacións de liña e cordel. Hai ademais un incremento do furtivismo nas rías e non nos axudan coas nosas reivindicacións co tema da anchoa, xa que queriamos que se recoñecese a distancia aos caladoiros nas axudas pactadas. Non estamos de acordo con moitas cousas que se están facendo nesta consellería.
-Algúns afirman que mesmo houbo chamadas desde a consellería para intentar desmobilizar a xente nesta manifestación. ¿É isto certo?
-Nós o que si sabemos é que a conselleira se reuniu con moitos patróns maiores das confrarías de Pontevedra. Entendemos que Gallego busca a maneira de frear que se faga isto. Se o fai é porque o rumbo que están tomando as cousas non é o que eles queren. Hai que entender que a conselleira pedía ata hai pouco que nos manifestásemos. Aquí vese un pouco que rápido se cambia de pensamento.
-¿Pensa vostede que esta situación de mala relación coa Consellería de Pesca pode reconducirse?
-Agora, isto está convocado, pero o que queremos é diálogo e entendemento porque se non isto non funcionaría nunca. Eu espero que despois desta manifestación poidamos reconducir as cousas e sentar todos nunha mesa para dicir onde están os problemas e poder analizalos. Hoxe [por onte] falamos coas principais centrais sindicais e dixéronnos que eles tamén estarían dispostos a falar entre todos, e entrarían nesas conversas. Eu creo que sería positivo para poder falar dos problemas que temos.
Link:www.lavozdegalicia.es


