«Ninguén deixou o marisqueo para marchar a outro traballo»
Entrevista | María Jesús Martínez PRESIDENTA DE LA AGRUPACIÓN DE MARISCADORAS DE LOURIZÁN (PONTEVEDRA)
(Firma: m. c . c. | redacción)
Leva once anos traballando nos bancos de Lourizán, en Pontevedra, de onde extrae berberecho e ameixa. Agora viven un mal momento. Esta zona declarouse C no novo mapa ambiental de Pesca e agora non poden vender o seu produto directamente na lonxa.
-¿Cómo lles vai este ano?
-Ata o de agora a campaña era moi boa, pero despois desta decisión da Xunta é complicado lograr uns soldos dignos. Espero que podamos solucionar axiña este tema porque penso que ata o de agora fomos uns privilexiados. O noso traballo é moi duro, pero tamén moi gratificante e independente. Podes organizarte e atender a túa casa e os teus fillos.
-¿Pero non din que a vosa profesión non ten moito prestixio, que xa a abandonou moita xente e que é difícil atopar relevo xeneracional?
-Duns anos a esta parte, isto xa cambiou moito. Agora temos máis diñeiro, cotizamos á Seguridade Social e ata contamos cun seguro médico, polo menos en esta zona. En cambio hai outras onde é complicado conseguir os cartos que xustifiquen seguir traballando. Ninguén deixou o marisqueo para marchar a outro traballo en Lourizán. Eu polo menos non coñezo casos. Na nosa agrupación temos constancia de que hai moita xente nova que quere traballar nisto, aínda que agora non é posible xa que temos tódolos permisos concedidos. As que deixaron de mariscar foi porque se xubilaron. Esta é unha profesión na que hai moita solidariedade. Axudámonos unhas ás outras, aínda que hai momentos moi duros, no inverno cos temporais, aínda así prefiro isto que estar todo o tempo baixo tellado nunha conserveira.
Link:www.lavozdegalicia.es


