O presidente da Xunta ofrece á Federación Galega de Confrarías manter un diálogo aberto e fluído co sector
Mantivo unha xuntanza en Monte Pío con membros da Federación Galega de Confrarías, na que tamén participou a conselleira de Pesca
Analizaron polo miúdo as axudas aprobadas polo Goberno galego para paliar os danos do temporal en Galicia
O presidente garantiulles que se levará a cabo un seguimento controlado da evolución dos bancos marisqueiros
Santiago, 9 de novembro de 2006.- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestoulle hoxe á directiva da Federación Galega de Confrarías a súa completa disposición e vontade para manter un diálogo fluído co sector que redunde en beneficio dos traballadores do mar. O presidente galego reuniuse en Monte Pío cos responsables da Federación Galega de Confrarías, nunha xuntanza na que tamén participou a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, e reiterou a disposición do Goberno galego de contar co sector para levar a cabo o desenvolvemento das políticas pesqueiras na Comunidade.
Na reunión, analizouse polo miúdo o decreto de axudas aprobado polo Goberno galego para paliar os efectos dos últimos temporais e explicouse como o mecanismo polo cal os mariscadores recibirán axudas. Poderán optar a estas axudas aqueles mariscadores que colaboren na rexeneración e recuperación das zonas afectadas e a estes garantiráselles o nivel de renda que posuían antes das riadas, nas mesmas épocas de anos anteriores.
A conselleira de Pesca, pola súa banda, lembrou que as axudas, que teñen unha contía de 1,5 millóns de euros –que pode ser ampliada- comezarán a outorgarse a semana que vén, unha vez se publique a orde pertinente no Diario Oficial de Galicia. O Goberno galego negociou coas entidades bancarias créditos ponte para axilizar os pagamentos, segundo lembrou Gallego.
Por outra banda, o presidente da Xunta comprometeuse coa Federación Galega de Confrarías a realizar un seguimento controlado da evolución dos bancos marisqueiros na Comunidade Autónoma no que se comprobe, ao longo do tempo, tanto os niveis de mortandade como a progresiva recuperación dos bancos marisqueiros danados.
Link:www.xunta.es


