A maior parte da frota de baixura galega leva tres días amarrada debido ao temporal
BARCOS AMARRADOS

(Lugar: la voz | redacción)
As condicións meteorolóxicas que se están a rexistrar neste mes de novembro afectan, de xeito moi negativo, á frota de baixura galega, que leva quince días traballando de xeito intermitente debido ao mal estado do mar e os fortes ventos rexistrados na costa.
As previsións apuntan a un empeoramento ao longo das vindeiras horas no litoral galego, o que suporá para moitos barcos perder outra semana de traballo.
Na Costa da Morte, na provincia da Coruña, a maioría dos barcos permaneceron amarrados. En portos como Camariñas ou Corme, os mariñeiros están en terra desde comezos desta semana, tras rexistrarse ventos de ata setenta quilómetros por hora e unha forte mar de fondo.
Unha situación semellante se está a vivir noutro extremo da costa da provincia da Coruña. En Cariño, Cederia e Ortigueira, os barcos do día seguen en porto. En cambio na zona sur, máis protexida, os pesqueiros traballaron en localidades como Noia ou Portosín.
Na provincia de Pontevedra, a maior parte da frota de baixura permaneceu outra xornada amarrada. É o caso dos barcos de Baiona e Bueu, onde os mariñeiros decidiron non arriscarse e saír a traballar cunha mar moi arborada e fortes ventos. Nalgunhas zonas como O Grove tampouco houbo actividade. Cangas foi a excepción a esta regra e os barcos estiveron recollendo navalla e ameixa.
A excepción lucense
Habitualmente, as condicións meteorolóxicas son máis favorables na costa lucense que na Coruña e Pontevedra cando se rexistra un temporal con ventos do suroeste, debido á protección das súas montañas e polo abrigo que proporciona o cabo de Estaca de Bares. Por iso a maioría da frota saíu a traballar nos portos de Burela e Celeiro, os máis importantes desta zona mariñeira.
Link:www.lavozdegalicia.es


