O PPdeG acusa á Pesca de atrasar as axudas establecidas no Plan do Polbo
Foto: Xosé Cheda
(Lugar: la voz | redacción)
O grupo parlamentario do PPdeG vén de denunciar o atraso na entregas das axudas establecidas pola Xunta no Plan do Polbo e acusa á Consellería de Pesca de «ofrecer escusas de mal pagador».
O voceiro dos populares nesta materia, Xosé Manuel Balseiro, lembra nun comunicado que o director xeral de Estruturas e Mercados, Xosé Manuel López, indicou que o seu departamento está aínda tramitando varios expedientes a causa da «entrega atrasada de peticións por parte dalgúns concellos e das oficinas de Correos».
Balseiro cre que estes argumentos son os propios «dun choqueiro empeñado en ocultar a súa propia incompetencia». O voceiro popular pensa que este razoamento é difícil de manter cando os atrasos no pagamento destas axudas é en moitos casos «superior aos catro meses».
O PPdeG convida aos responsables de Pesca a que faga públicos o número total de expedientes que recibiu por correo, así como os que foron rexistrados a través dos concellos. «Estamos seguros de que non chegarán ao 5% do número total», sinala Balseiro neste comunicado.
Para a oposición, a Xunta de Galicia debe «executar con celeridade os importes pendentes destas axudas», deseñadas para paliar as perdas dos mariñeiros en compensación polo paro biolóxico recollido no Plan de Recuperación do Polbo.
Link:www.lavozdegalicia.es


