Pesca presenta o borrador das axudas para o plan de pensións das mariscadoras

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar; Federación Galega de Confrarías; sindicatos e representantes das traballadoras do mar de toda a comunidade galega celebraron hoxe unha xuntanza na que avanzaron no programa de apoio aos plans de pensións das mariscadoras e redeiras galegas, co que se pretende garantir unha xubilación digna a este colectivo.
XORNAL I Santiago.- No encontro, que tivo lugar en Santiago de Compostela, a titular de Pesca presentou ao sector e aos sindicatos o borrador da orde de axudas para os plans de pensións de mariscadoras e redeiras, que estará publicada no primeiro semestre de 2007. Paralelamente, presentouse o borrador da orde pola que se convoca o concurso de selección de entidades financeiras promotoras de plans de pensións para este colectivo de traballadores e que serán subvencionados pola Xunta de Galicia.
O departamento que dirixe Carmen Gallego destinará neste ano un millón de euros á posta en marcha desta iniciativa que está dirixida ás mariscadoras e redeiras que non poidan acceder a unha pensión de xubilación por non acadar o período de cotización esixido. Para acollerse a esta medida, as mariscadoras deberán ter permiso de explotación en vigor, como mínimo, dende o 2000, ano no que se fixo obrigatorio darse de alta no Réxime Especial dos Traballadores do Mar para a renovación do permex.
As mariscadoras que subscriban un plan de pensións co apoio da Consellería de Pesca cobrarán o mesmo ca unha persoa que teña cotizados 15 anos no réxime especial do mar, aínda que o importe que terá que aportar cada traballadora variará en función da súa idade e, voluntariamente, poderán incrementar as cuantías establecidas.
Esta actuación enmárcase dentro das melloras sociais nas que traballa a Consellería de Pesca entre as que destacan, ademais do plan de pensións para as mariscadoras e redeiras, o seguro de mal tempo, a ampliación da póliza do seguro colectivo de accidentes no mar aos inmigrantes enrolados en buques pesqueiros galegos e, tamén, o impulso da negociación dos convenios colectivos.
Link:www.xornal.com


