NOMEADO ANTONIO GARCÍA ELORRIAGA COMO NOVO DIRECTOR XERAL DE RECURSOS MARIÑOS DA CONSELLERÍA DE PESCA
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2007.
O Consello da Xunta deu hoxe o visto bo ao cesamento, a petición propia, de Francisco Fernández Cortés como director xeral de Recursos Mariños, e ao nomeamento de Antonio García Elorriaga como novo responsable deste departamento.
García Elorriaga é capitán da Marina Mercante e desenvolveu durante vintedous anos diversas funcións, sempre vinculadas ao sector pesqueiro, no Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Entre os cargos que desempeñou ao longo deste período destacan o de Xefe de Sección de Plans de Inspección, planificando o control, a inspección e a vixilancia das actividades pesqueiras, transbordos, desembarcos e transporte de produtos en augas e portos españois entre 1981 e 1988. Ese mesmo ano ocupou a dirección de Programas para a Relación coa Comunidade Económica Europea, cargo que ostentou entre os anos 1988 e 1990. Ata 1991 foi conselleiro técnico da Dirección General de Relacións Pesqueiras Internacionais e dende ese mesmo ano e ata 2003 ocupou o posto de Subdirector General do Caladoiro Nacional e Acuicultura, tamén adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
O novo director xeral de Recursos Mariños é un grande experto en temas pesqueiros e participou como asesor para o MAPA en misións en Rumanía e Lituania. Ademais, colaborou en diversas publicacións como o Libro Blanco da Pesca. García Elorriaga é autor do Estudo sobre Artes e Aparellos de Pesca do Cantábrico e Noroeste.
Link: www.xunta.es


