Publicidad:
Terra
La Coctelera

Confraría de Pescadores de Cedeira. Toda a información sobre das actuacións desta confraría,o tempo, aperturas percebe, marisqueo, cursos, información en xeral etc..

15 Octubre 2007

O mar, trampa mortal?

A Xunta aposta pola mellora da formación en prevención de riscos para frear a sinistralidade laboral no sector pesqueiro, mentres os sindicatos denuncian as deficiencias nas embarcacións, as malas condicións laborais e a falta de inspeccións

[GZnación / Montse Dopico / 13 Out 07].

A Consellaría de Traballo rexistrou, nos nove primeiros meses do ano, seis sinistros mortais no sector da pesca. Os accidentes graves incrementáronse este ano un 37% respecto ao 2006. Os peores datos de sinistralidade danse na pesca de baixura, na que se concentra o 86% da flota galega. A cifra total de accidentes reduciuse nun 9,17%, debido á baixada dos sinistros de carácter leve.

A actividade pesqueira é unha das ocupacións laborais máis perigosas. Segundo datos do Ministerio de Traballo, nos primeiros seis meses do 2007 producíronse en Galiza cinco accidentes mortais en xornada laboral no sector da pesca, fronte aos 12 da construción. Porén, o índice de incidencia deste tipo de sinistros por cada 100.000 traballadores afiliados á Seguridade Social é o dobre no sector da pesca que no da construción.

A pesca rexistra a taxa mais alta de mortalidade laboral de Europa, con 2 falecidos ao ano por cada mil traballadores, cando no resto de sectores dáse unha proporción de 0,3 sinistros mortais por cada mil ocupados.

As causas

Os sindicatos apuntan a varios factores a ter en conta para explicar a elevada sinistralidade no mar. O responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, sinala que se produce “un cocido ideal de factores para que haxa mortos. O mar é un medio hostil, é certo. Moitos barcos están en malas condicións. As tripulacións teñen cada vez menos preparación, e nisto hai complicidade da Administración: por exemplo, os armadores enrolan inmigrantes aos que teñen nunha situación de explotación e escravismo total. Tamén faltan medios individuais de salvamento axeitados, como os chalecos, -cos que hai non se pode traballar-. Na pesca de baixura, a xente sae a traballar con mal tempo porque se ten que gañar a vida. As inspeccións escápanlle ao mar. Nos medios só os mortos son noticia. E nin Traballo, nin Pesca, nin Madrid, nin as Capitanías Marítimas, fan nada. Despois, tamén hai erros e neglixencias individuais”.

O Secretario Xeral da Federación de Comunicacións e Transporte de CC.OO-Galiza, Ramiro Otero, engade que “non hai unha vixianza intensiva ‘in situ’. Non se investigan os accidentes como é debido. Non hai conciencia de prevención e seguridade por parte dos empresarios. Cada tripulante debería coñecer as medidas de seguridade e prevención. Tamén inflúe moito a falla de regulación laboral do sector, as condicións laborais”.

O Secretario Xeral da Federación de Transportes, Comunicacións e Mar de U.X.T. subliña, pola súa banda, que “o do mar é un traballo moi duro e suxeito a condicións cambiantes, debido ao clima. A lei esixe que os traballadores teñan unha formación no eido da seguridade, pero fóronse concedendo moratorias para cumprir este requisito. Agora hai bos chalecos, pero moitos armadores non mercan chalecos suficientes para todos os traballadores que levan a bordo, ou téñenos gardados por se vén a inspección e non se usan. Moitas veces tampouco teñen materiais antideslizantes axeitados…”

Inspeccións

“Ademais, é moi complicado que a Inspección de Traballo acuda ao mar para controlar. Non fan inspeccións rutinarias, de sorpresa. As administracións pesqueiras fan inspección sobre outras cuestións, pero non sobre prevención de riscos. O tema da inspección é complexo, porque está compartimentalizado entre Traballo, Pesca, Mariña Mercante e Instituto Social da Mariña, cada unha coas súas competencias, e non hai comunicación entre elas”, comenta.

O voceiro de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, conflúe na súa análise cos sindicatos ao sinalar que “un primeiro factor relaciónase coas condicións sociolaborais no mar. O 95% dos mariñeiros non teñen convenio colectivo. As xornadas brutais inciden na fatiga, e en consecuencia na sinistralidade. Outra cuestión é que é Madrid quen regula a lexislación sobre condicións laborais. Por exemplo, deberíase rebaixar o coeficiente redutor de idade de xubilación no sector para que os traballadores puidesen retirarse antes”.
“Nós, somos”, engade Lobeira, “moi críticos co Salvamento Marítimo”. –O BNG reclamou a transferencia de competencias neste eido, demanda que lle vén de ser denegada polo presidente do Goberno estatal, José Luis Rodríguez Zapatero-.

Salvamento

“Hai problemas co sistema de escoita permanente na canle de emerxencia. As chamadas de socorro van a Madrid, e incluso hai problemas de comprensión por cuestións lingüísticas. A Dirección Xeral da Mariña Mercante non ten actualizado o censo de radiobalizas” –o aparato que emite o sinal de socorro- “entón moitas veces non sabe de que barco están chamando realmente. Tamén hai discriminacións nas dotacións por parte do Estado: o helicóptero do Estado que hai en Galiza ten 39 anos, non hai suficientes embarcacións rápidas, nin remolcadores, falla a cobertura de radar... O persoal de Salvamento Marítimo en Galiza está no porto só polas mañás, e se se produce unha emerxencia fóra desa hora teñen que desprazarse até alí...”, afirma.

Bieito Lobeira salienta, por último, a lexislación como outro factor a ter en conta. “O Estado español determina unha potencia máxima para os motores das embarcacións, que é demasiado baixa para marisqueo a flote, flote de baixura, e percebeiros, pois o motor sérvelles para escapar do temporal, manobrar mellor entre as rochas... O noso mar non é o mediterráneo. A inspección de buques, se segue dependendo do Estado, é insuficiente. Algúns levan a lancha salvavidas tan trincada que os mariñeiros non son capaces de quitala cando lles fai falta…”.

O voceiro de Pesca do grupo parlamentario do PP, José Manuel Balseiro, matiza que “nos barcos a tecnoloxía é cada vez máis avanzada. Algo pasa para que a sinistralidade aumente, cada vez sexa máis difícil atopar xente suficiente para saír a faenar nun barco... Habería que facer unha investigación profunda”.

Respostas

A Xunta puxo en marcha recentemente varias actuacións para loitar contra a sinistralidade no mar. O Programa Aboia, da Consellaría de Traballo, marcouse como un dos seus principais obxectivos introducir, e crear o hábito de utilización, dun chaleco autoinflábel de uso permanente na flota de baixura, as artes menores, marisqueo a flote e acuicultura.

O programa Aboia é unha das medidas incluídas no Plan Vixía, Plan de Prevención de Riscos Laborais para o Sector Pesqueiro, impulsado pola Consellería de Traballo co reto de implantar unha conciencia preventiva que axude a mellorar os hábitos de traballo dos profesionais do mar.

A Administración estatal tamén mellorou as dotacións en materia de Salvamento Marítimo, segundo informan desde esta última entidade. Así, Galiza conta deste este ano cun buque polivalente e un avión, alén dos seis salvamares e un helicóptero que xa tiñamos no 2004.

Propostas de solución

Desde a Federación Galega de Confrarías de Pescadores, Xan López subliña que “si se está inspeccionando e moito. O oficio é complexo, e cada modalidade precisa medidas de prevención específicas. Tamén hai variacións segundo as zonas. Moitas embarcacións están envellecidas. Ten que haber máis traballo de formación”.

A presidenta da Asociación Galega de Mariscadores, Natalia Laíño, apunta pola súa banda que “hai avances, pero queda moito por facer. Estamos traballando coa Xunta nun plan de prevención de riscos. Recentemente houbo un congreso sobre seguridade no mar. Para os mariscadores é importante ter traxes de neopreno, botas axeitadas, casetas para cambiarse ao saír da praia... A proposta da Lei de Pesca de que se subscriba un seguro por se fai mal tempo é boa e novidosa. É mellor non ter que saír ao mar se fai mal tempo. Vai ter dificultades para levarse a cabo, como pasou co seguro agrario, pero acabarase asumindo que é unha medida necesaria”.

Desde a Cooperativa de Armadores de buques de pesca de Vigo, Jaime Comesaña incide en que “as cifras de sinistralidade non son tan altas como se di. No caso dos buques conxeladores industriais, non hai máis accidentes que nos outros sectores. Hai máis problema no caso das embarcacións de baixura, artesanais, familiares. Moitas veces as estatísticas non teñen en conta que o mar é unha superficie non estábel. Hai controis e revisións, e a maioría dos barcos cumpren as medidas de prevención; por exemplo, xa non se traballa en cuberta, senón debaixo, instálanse pasamáns para non caer co movemento do barco...”.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, e o Conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinaron en xullo un protocolo de colaboración para impulsar a formación dos traballadores do mar no eido da prevención de riscos.

O protocolo enmárcase nas actuacións derivadas do Plan Integral de Formación Marítimo-Pesqueira e Portuaria de Galicia, elaborado pola Consellería de Pesca, e dentro do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais (2006-2010) da Consellería de Traballo.

A acordo prevé a impartición de cursos e a organización de visitas ás confrarías de pescadores por un técnico de Pesca e outro de Traballo para informar e formar aos seus membros sobre a prevención de riscos, ademais da elaboración de material didáctico.

Ao abeiro deste protocolo as dúas consellerías organizaron un Congreso de Prevención de Riscos e Seguridade na Pesca de Baixura en Santiago de Compostela os días oito e nove de outubro.

O Plan de Prevención de Riscos Laborais no sector Pesqueiro inclúe un estudo sobre sinistralidade que salienta, -con datos do 2000-, as deficiencias detectadas nos barcos: carencia de caixas de urxencias, duchas e retretes, espazos de traballo sen limpar e baldear, ritmos de traballo moi fortes, falta de varandas e elementos antideslizantes nas cubertas, de guías de seguridade para traballar en caso de mal tempo, máquinas sen protexer, roupa de traballo inaxeitada...


Link: http://www.gznacion.com/web/notic.php?ide=4189

servido por confrariacedeira sin comentarios compártelo

sin comentarios · Escribe aquí tu comentario

Escribe tu comentario


Sobre mí

contador de visitas
contador de visitas
relojes web gratis

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera