Cinco anos para espilirse
ANTÓN LUACES.
Pasaron xa cinco anos desde que o Prestige se achegara ás costas de Galicia. Desde ese momento está ben presente entre nós, os galegos, que padecemos aínda hoxe as consecuencias daquela catástrofe convertida en tal única e exclusivamente pola man de quen desgobernou en ese momento un país que deron en chamar posteriormente Nunca Máis. Cinco anos máis tarde daquel acontecemento, o país de Nunca Má
is é o reino do "A ver se desta libramos". Porque, aínda que as aportacións da Xunta e do Goberno central para poñer en disposición medios marítimos, aéreos e terrestres foron e son importantes, o máis básico do que pode acontecer no mar está aí, sen resolver de vez: a coordinación, a responsabilidade, a organización... e o non ter en conta outros medios moitas veces non tanxibles (non se trata dun barco, dun avión ou dun equipo de Protección Civil) como son as comunicacións realizadas en condicións. Aquel 13 de novembro houbo quen cuspiu a barlovento e os ollos enchéronselles de salseiros e cuspe, a un tempo, deixándoos sen visións do que realmente acontecía. Non houbo mortos, pero sí silencios que se manteñen a saber por que.
Coñecedor de que había un problema no mar, pouco despois das tres da tarde dese fatídico día de hai cinco anos, falei cun responsable marítimo que confirmou que, efectivamente, había un petroleiro en perigo. Díxose, inicialmente, que se trataba dun lume a bordo, sen especificar moito máis. E a partir de aquí, sucedéronse tódolos despropósitos habidos e por haber. Ata chegar a ese outro día amarguento para Galicia que foi o do afundimento do buque, coa súa, ainda importante, carga de fuel. Foi o 19 de novembro de 2002, un día antes de que o daquela membro do Goberno Aznar, Mariano Rajoy, anunciara que o Prestige perdía menos hidrocarburo porque o frío comenzaba a solidificalo. Tanto solidificou que aínda hoxe preocupa aos responsables marítimos de Galicia e España.
Citaba anteriormente ás comunicacións; foron fundamentais nos primeiros momentos e determinantes, ademais, para toda unha xeira de imcomprensibles actuacións que, agás un grupo de oficiais radioeletrónicos que levan estudado a fondo esta situación, non se valoraron nin se valoran porque, malia o que se ten dito, si houbo unha alerta de socorro perfetamente fiable, como o demostrou a Radio Costeira da Coruña cando, ás 14.18 UTC informaba que o emitido un minuto antes como Mayday, captado feblemente, era un SOS real e comeza a emisión dun mayday relay ás 14.19 UTC.
Link: www.laopinioncoruna.es


