Adeus ao permex, benvida a licenza de pesca
tribuna : | Antonio Pérez Cribeiro Biólogo
Metidos xa na recta final da lexislatura, comezou a súa andaina parlamentaria o anteproxecto da nova Lei de Pesca de Galicia. Sen dúbida, unha das novidades máis salientables refírese á supresión do permiso de explotación -permex-, que no caso das embarcacións substitúese pola licenza de pesca profesional. Este título ten varias características que van máis alá dun simple cambio de nome. Entre elas destaca a supresión de dous límites: a súa vixencia e o número de artes (extremo este do que só tiven constancia a través da prensa). Agora, transcorridos quince anos desde a anterior lei de pesca, cómpre facer unha primeira valoración do permex.
As competencias da Xunta en pesca marítima cínguense ao mar interior que define a liña imaxinaria trazada entre as principais puntas da costa. Veñen ser as rías e pouco máis, áreas moi produtivas e sensibles, pero que deixan fóra a meirande parte do mar de Galicia, a plataforma continental. Consciente de que o ámbito real do permex -dado o seu carácter de ferramenta para a xestión dos recursos mariños- reducíase ás augas interiores, a Xunta dos noventa optou por acollerse ás súas competencias en materia de ordenación do sector pesqueiro para obrigar a todos os barcos con porto base en Galicia a ter o permex.
Tendo en conta que a flota galega xa figuraba no rexistro de buques de Galicia, non semellaba ter sentido algún esta obriga. Os segmentos da flota que nunca faenaban en augas interiores amosaran a súa perplexidade ante una norma que só serviría para complicar máis os xa excesivos trámites ordinarios.
A quen si lle afectou de cheo foi á baixura. Os barcos que sendo pequenos pertencían a censos de pesca estatais continxentados viron como só lles autorizaron unha arte, feito que durante un tempo complicou a obtención de cambios temporais de modalidade. As embarcacións de «artes menores», que representan a inmensa maioría da flota galega, víronse envoltas nun feixe de papelorio tan enmarañado como innecesario. Ademais, debido aos inadecuados criterios establecidos para a súa renovación, as artes autorizadas ás embarcacións minguaban co tempo. Conforme saían máis decretos e ordes, a cousa íase embrollando máis. Víase vir o intre de reflexionar se este camiño levaba a algún sitio, ou se sería mellor rectificar.
Os propios regulamentos de entón dicían que a función do permex era coñecer e regular o número de embarcacións que pescan nun momento dado cunha arte. Isto, que a priori non semella mala idea, co tempo amosouse inviable, debido en gran parte a obviar a realidade social e económica do sector, e tamén consecuencias que podía ter.
Aínda coas súas eivas, a implantación do permex podería ter sentido se non houbese alternativas técnicas. Pero non é así. Hai un amplo abano de posibilidades para xestionar os recursos mariños sen ter que padecer o malestar xeral que produciu o permex. Desafortunadamente, hoxe vemos que o estado dos recursos mariños non mellorou nestes tres quinquenios de permex. Por outra banda, favoreceuse a valoración artificial dos barcos, xa que os que tiñan máis artes vendéronse mellor, a miúdo sen decatarse da volatilidade deses títulos despois de cada renovación. Esa mesma inconsistencia facíaos inservibles no intre de solicitar préstamos ao non adoitar ser aceptados como garantías por aval.
Finalmente, cómpre lembrar que moitos dos erros anteriores non se deberon a fallos na lei, senón no desenvolvemento regulamentario ulterior. Así, sería bo ter en conta aquilo de que mentres as leis teñen carácter político, os regulamentos son técnicos, sendo desexable que, logo de aprobar a lei, a intervención política pase a un segundo plano e deixen traballar aos técnicos.
Link: www.lavozdegalicia.es


