Publicidad:
Terra
La Coctelera

Confraría de Pescadores de Cedeira. Toda a información sobre das actuacións desta confraría,o tempo, aperturas percebe, marisqueo, cursos, información en xeral etc..

14 Noviembre 2008

As reservas mariñas en Galicia

Escrito por Antonio P. Cribeiro

Aínda que vou deixar para mellor ocasión o proxecto de Lei de Pesca de Galicia que se debatiu onte no Parlamento Galego, hai un aspecto concreto que, ao meu xuízo, merece ser comentado agora. No artigo 18 do borrador da nova Lei fálase de “reservas mariñas”, describindoas como “zonas de especial interese para a preservación e rexeneración dos recursos mariños e dos ecosistemas mariños que os sustentan”. Curiosamente xa o artigo 18 da Lei de Pesca anterior (Lei 6/93) trataba máis ou menos do mesmo: “nos bancos naturais poderán establecerse áreas vedadas de reserva”. Sen embargo, é xusto recoñecer unha diferencia substancial: nesta ocasión as ideas saen do papel á realidade.

Tampouco quero entrar -polo momento- a debatir a idoneidade de encher Galicia de reservas mariñas. Preferiría centrarme nunha cuestión concreta, e é que, tal como están concebidas, as reservas mariñas non semellan ser tales e, polo tanto, quizáis non deberían chamarse así.

Como en todo, os grises adoitan ser o camiño entre o branco e o negro. En calquer publicación seria de xestión dos recursos do mar atoparemos algún capítulo que trate sobre “áreas mariñas protexidas” e que fale acerca diferentes xeitos de establecer graos de protección. Aínda considerando que cada autor fai a súa interpretación persoal, non atopei nengún que defina como “reservas mariñas” aquelas zonas nas que se permite seguir pescando, por moito control que haxa (ver notas ao pé). Poden chamarlles zonas vedadas, areas experimentais de pesca, zonas suxeitas á investigación e supervisión científica, ou como queiran. Pero só deberían ser definidas como auténticas “reservas mariñas” aquelas nas que calquer tipo de explotación esté prohibido.

Por outra banda, non son alleo ao interesado compoñente político desta denominación, xa que todos coñecemos a simpatía da cidadanía -dos votos- por toda terminoloxía que teña reminiscencias de preocupación pola protección do mediambiente.

Neste mesmo sentido exprésase o controvertido pero prestixioso ecólogo Paul K. Dayton, do Scripps Institution of Oceanography de California. Na entrevista que lle fixeron para o Anuario 2006 de Mètode, expón o seu xeito de entender o concepto de “reservas mariñas”.

Dayton argumenta que, a pesar de que no mundo hai máis de 1.500 áreas mariñas protexidas, na meirande parte delas a pesca está permitida, sendo esta actividade a que está destruíndo estas zonas, máis que a contaminación ou calquer outra causa. Dí que “si quero que o meu neto chegue a ver algo de natureza, preciso apartar unha fracción do mar e protexela. Isto sería unha reserva onde non se poida pescar (no-take reserve), e que non fai nengún tipo de promesas aos pescadores. A controversia xurde cando moitos dos meus colegas prometen que os seus parques naturais melloran as capturas dos pescadores. Entón, estás utilizando as reservas como unha ferramenta de xestión pesqueira”.

Reservas mariñas vs. Áreas mariñas protexidas

Volvamos a aquí e agora. En Galicia hai un grupo de expertos que leva anos traballando no eido das áreas mariñas protexidas. Na web deste grupo de Recursos Mariños e Pesqueirías da Universidade da Coruña podemos atopar moita información e moi interesante, como é o caso da conferencia que Juan Freire impartíu sobre áreas mariñas protexidas. Na exposición, coloca no cumio dos niveis de protección que establece ao que denomina “reservas integrais”, e baixo ésta, ás “áreas mariñas protexidas”. Cando describe as características das reservas mariñas (integrais), coincide plenamente co que dí Dayton -e que ao meu xeito de ver é correcto-: son zonas onde está prohibida todo tipo de pesca e de calquer tipo de explotación mineral e áridos.

Sen embargo, na mesma exposición pero un pouco máis adiante, pode que se estén a confundir de novo os termos, ou ben que se entendan diferentes niveis de reservas mariñas (abertas á pesca ou pechadas). Entón xa non deberíamos estar a falar de “reservas mariñas” sensu strictu, senón de “áreas mariñas protexidas” coa fin de mellorar a xestión pesqueira. O resto da presentación segue enfocada neste meritorio sentido, é dicir, en como optimizar a explotación de determinados espacios mariños.

Definir nunca é doado, pero neste caso non semella complicado. As zonas sometidas a unha regulación específica poderían chamarse perfectamente “areas mariñas protexidas” ou como queiran, pero estou convencido de que non é bo que se malgaste o uso da denominación “reserva mariña”. En primeiro lugar, porque as que hai non o son, e segundo, porque algún día pode haber auténticas reservas mariñas, e entón precisaremos que esta definición esté virxe e libre de equívocos.

Nota 1.- Na búsca feita en literatura técnica en lingua inglesa as zonas mariñas protexidas denomínanse igual -marine protected areas, MPAs-, mentres que o equivalente ás reservas mariñas (integrais) adoitan chamarlles preservation zones, cando nin sequera o acceso está permitido, ou ben wilderness zones cando pódese acceder pero non se autoriza nengún tipo de explotación.

Nota 2.- As propias Reais Academias da Lingua, Castelán e Galega, avalan esta postura. RAE: Reserva: 1. f. Guarda o custodia que se hace de algo, o prevención de ello para que sirva a su tiempo. Sinónimo: “Parque Nacional”: 1. m. Paraje extenso y agreste que el Estado acota para que en él se conserve la fauna y la flora y para evitar que las bellezas naturales se desfiguren con aprovechamientos utilitarios. RAG: (Reserva: 2. Aquilo que se ten gardado ou almacenado para máis adiante, ou para un caso de necesidade. 4. Territorio destinado á protección de especies animais e vexetais. Unha reserva zoolóxica.)

P.D.- Un apunte final: Do mesmo xeito que Dayton, non creo que a xestión tradicional das pesqueirías fracasara. Pode e debe convivir con outras ferramentas como as propias MPAs. Non son excluíntes senón complementarias cun mesmo fin, racionalizar e equilibrar no posible a explotación do mar coa súa conservación, primando sempre esta última. Pode que o que fallara na xestión tradicional fora que este método precisa gobernos fortes e consensos sólidos entre os partidos que garantan o mantenemento de políticas pesqueiras a longo prazo, alleas ao vaivén electoral de cada poucos anos.

servido por confrariacedeira sin comentarios compártelo

sin comentarios · Escribe aquí tu comentario

Escribe tu comentario


Sobre mí

contador de visitas
contador de visitas
relojes web gratis

Buscar

suscríbete

Selecciona el agregador que utilices para suscribirte a este blog (también puedes obtener la URL de los feeds):

¿Qué es esto?

Crea tu blog gratis en La Coctelera