Furtivos profesionais e viceversa
Xa pasaron máis trinta anos desde que Fernando González Laxe escribira que "as directrices que se intenten aplicar de cara a unha política pesqueira en Galicia terán que vir acompañadas dunha política igualmente racional para outros sectores, asimesmo abandoados e en crise, para evitar seguir como un país sub-desenvolvido" (Estructura da pesca costeira galega, 1977).
Fai uns días, Europa Press informaba que "as confrarías de pescadores galegas prevén un repunte do furtivismo derivado da crise económica". Probablemente así será, porque sempre que as cousas se puxeron mal terra firma os recursos do mar víronse resentidos como efecto colateral, especialmente o marisqueo.
E é que na nosa sociedade pervive a contradictoria mentalidade de que o que hai no mar é de todos, mentras que o que se colle é de cada ún. Poucos semellan decatarse que, precisamente por ser de todos, ninguén debería poder apropiarse a xeito individual, senón que sexa ese "todos" quen regule a súa explotación, isto é, a Administración Pública.
O furtivismo séguese a ver cun certo consentimento social. Non adoitamos velo como un delito -apoderarse con ánimo de lucro dunha cousa allea, roubar- senón como un mal menor endémico inherente á propia actividade marisqueira. De aí que, en canto chegan os tempos de carencias, un dos primeiros sectores en notalo é o marisqueo e, en menor medida, a pesca.
Na sinalada nota de prensa afirma o representante dunha Confraría que "a exclusión social (dos furtivos) é unha lenda", xa que agora os furtivos están moi ben organizados. Ao meu xuízo, isto non é exactamente así. Desafortunadamente, segue a haber os "furtivos por necesidade", especialmente nun escenario de dificultade económica como o que estamos a vivir, o que aínda que non se apoie, é humanamente comprensible. Caso distinto son os outros dous tipos de furtivos.
O peor furtivismo
Deixando a un lado ao "turista accidental" que colle catro berberechos máis ou menos alleo ao risco de ser descuberto, os realmente preocupantes son as outras variantes: os furtivos profesionais e os profesionais furtivos, que son perfís ben distintos.Os furtivos "profesionais" están perfectamente organizados e dispoñen de avanzados sistemas de contravixilancia. Adícanse conscientemente a arrasar por onde pasan, cun ansia de lucro insaciable. Non lles interesa para nada formalizar a súa situación, xa que así vailles moito mellor. Sen dúbida son a principal lacra do sector, e por elo, a Administración Pública debería esforzarse máis na súa persecución.
Pero tamén hai que falar dos profesionais "furtivos". Éstes semellan ser legais: teñen permisos de explotación, documentación en regla, e pertencen a asociacións de mariscadores e ás Confrarías. Van ás reunións convocadas para ordenar o sector, votan, participan, e incluso ás veces desenvolven cargos nas propias organizacións. Pero cando van ao mar non respetan as tallas mínimas, nin os topes, nin número de artes e aparellos, nin os métodos legais de captura, nin as datas autorizadas e venden parte ou todo por fora das lonxas. Isto tamén é furtivismo, e igualmente moi preocupante.
As Confrarías e asociacións do sector terían que asumir a súa parte de culpa vixiando aos seus propios asociados, si queren gañar en credibilidade, predicando con exemplo. Está moi ben que pidan que se controle un probable "repunte do furtivismo por mor da crise económica", pero por coherencia tampouco deberían esquezerse de mirar como se fan as cousas de portas para adentro.
Referencias.-González Laxe, F. I.; "Problemas da pesca costeira galega". Ed. Galaxia. Vigo, 1976.
Sequeiros, J. L.; "A despensa de area". Ed. Xerais. Vigo, 1995.
Ilustración.- Xaquín Marín
http://blogs.lavozdegalicia.es/vamosalargar/2008/11/10/furtivos-profesionais-e-vicerversa/


