Os peiraos
ANTÓN LUACES Xa é realidade. Xaora, Fernando González Laxe exerce como presidente do ente Puertos del Estado. Porén, xa traballa para e polos portos de España e as súas 28 autoridades portuarias, delas cinco en Galicia (que van ter novas facianas no futuro, por mor do cambio no goberno da autonomía).
É evidente que González Laxe, eminente economista e home que pode ser cualificado como un dos máis grandes expertos en economía pesqueira e portuaria, chegou ao cargo de presidente de Puertos del Estado nun momento pouco grato mais de grandes, enormes, retos de futuro. Comezando por Galicia e con atención especial a portos como os de Gijón, Bilbao, Valencia, Barcelona, Cartagena e, de xeito prioritario, Algeciras, directamente afectado polo superporto de Tánger. Outro cantar está a producirse en Canarias e Baleares, onde as cordas do timple e o son das castañolas andan un non sei que desafinados.
Unha das cuestións a enfrontar polo novo equipo de Fernando González Laxe é sentar as bases do futuro sistema portuario español que xera recursos que se van achegando aos 700 millóns de euros anuais. Hai que avaliar o que existe e botar contas para programar ese futuro a, polo menos, vinte anos vista. Un tempo este no que a Galicia portuaria debera estar perfectamente definida. Para elo é necesario entrar de cheo, xa, no deseño dese novo tempo que revolucione as estruturas actuais de Vigo, Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-San Cibrao, con dous portos de nova fasquía (Caneliñas e Punta Langosteira) aos que haberá que inxectar racionalidade a man cheas desde unha autonomía portuaria tutelada.
Se é así, como vai coller aos portos galegos de interese xeral esa revolución? Cal pode ser o futuro dos portos autonómicos que teñen vocación de se converter en portos de segunda ou terceira liña como son os de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cee ou Laxe? Como coordinar a interrelación entre os primeiros e os segundos ou terceiros portos de Galicia?
Non é a primeira vez que González Laxe fala dos portos galegos desde unha formulación que, sen anular a súa competitividade cara ao exterior, conformen na comunidade autónoma unha rede de portos especializados que se complementan nas súas funcións ou prestación de servizos. Aquí é onde Laxe pode e debe xogar un papel fundamental, implicando no seu proxecto á industria. Deste xeito os portos deixarán de ser coutos de influencia clientelar para conformar unha rede de negocio que faga chegar á sociedade da que forman parte os beneficios de contar cun sistema que vai máis aló da mera especulación.
Link: www.laopinioncoruna.es


