A terra da terra do argazo
ANTÓN LUACES Os que tivemos a oportunidade de coñecer e dialogar longo e tendido -tiña que ser así- co vello e tristemente desaparecido profesor Francisco López Capont, aprendimos del que, se ben o que o mar da beneficia a todos, ese beneficio hai que regulalo. Mais ficou fascinado cando se decidiu a regulación dos que el denominaba carallos de mar ou, posteriormente, a das miñocas ou poliquetos. Quixera saber que pensaría o vello amigo e profesor do que está a pasar, e que debateu a Comisión correspondente, no Parlamento de Galicia en relación co argazo que o mar arrinca e arrastran as ondas ata as rochas ou as praias.
Hai quen pretende unha regulación para que non desapareza a antiga tradición de converter ese argazo que regala o mar en abono para as pequenas ou as non grandes leiras dos veciños da contorna das praias. E hai quen, simplemente, di non. É unha postura, e no medio queda o toxo, a xesta, a uz, o fieito e, no global do asunto, o estrume que permite un abono ecolóxico para unhas fincas afeitas tamén ás cunchas dos berberechos e dos mexillóns, como outras se afixeron ás cabezas dos xurelos ou chicharros, nun abono que a terra agradecía devolvendo o favor con pés de millo ou de patacas que eran a envexa dos que non estercaban con esas cabezas. Aló polos lonxanos anos 50 do século pasado mercábanse, por exemplo no porto de Cariño, carroladas de chicharro (xurelo grande) para salgalo e dispor durante o inverno de peixe para comer con cachelos, asados ou cocidos. Ao limpalos, a cabeza e as tripas ían parar á terra como abono, complementando deste xeito o que anteriormente se fixera con argazo e o esterco das cortes.
Polo mesmo tempo, en Ribeira, os carros de vacas "baixaban" aos areais para recoller o argazo e os milleiros de moscas e pulgas de praia que tiraban proveito desa regalía que viña do mar, para o esparexer todo, posteriormente, nas leiras precisadas dese complemento de abono, cansas de tanto esterco conb residuos orgánicos do gando. Outro complemento da ría facilitábano os millóns de patulates (cangarexos non comestibles) que embarraban nas praias e que, moitos labradores-pescadores, arrastraban ata a beiramar coa rapeta para, após de os guindar ao carro ben servido de tañeiras, trasladalos ás fincas e faceren deles outra estercada ou abono natural.
O mesmo acontecía pola Costa da Morte ou a costa da Mariña lucense.
Forma parte da historia do mar e non debe ignorarse porque, probablemente, esteamos a piques de perder un xeito de entender maís e mellor a relación da terra co mar e, porén, do mariñeiro-labrador que todo o debía a un sistema -primario si, mais ben gozoso para todos- que permitía vida sen precisar de moito máis que choiva e sol.
Sei que é ollar ao pasado, case nos tempos nos que a aldea enteira ollaba cara ao ceo, con Asterix e Obelix, non fora que caera sobor deles; pero tampouco na era dixital se pode esquecer un pasado que explicaría perfectamente o presente.
Link: www.laopinioncoruna.es


