A Confraría organiza a súa tradicional sardiñada na honra de San Antonio
Un ano máis, e xa van 21 edicións, a Confraría de Pescadores de Cedeira organiza o sábado día 20 a súa tradicional festa na honra dos mariñeiros que perderon a vida no mar.
A romería estaba prevista para o pasado 6 de xuño, xa que é tradición que se celebre a fin de semana anterior a festividade de Santo Antonio, pero debeuse suspender debido ás malas condicións climatolóxicas.
Como cada ano, a celebración terá lugar nas inmediacións da capela de San Antonio, onde trala misa na honra dos finados -acto litúrxico cantado pola coral Eixil-, procederase a facer unha ofrenda floral.
Despois todos os asistentes á romería están invitados á tradicional degustación de sardiñas, da que se encargan os responsables da Confraría de Pescadores da vila. O acto relixioso comezará ás 12.30 horas.
Link: www.diariodeferrol.com


