«Suplico ao Goberno que traia canto antes aos piratas para que isto acabe»
Patrón del «Alakrana»
A tripulación está ao límite. Rodeado duns corsarios cada vez máis agresivos, o patrón lanza un grito desesperado para que se poña fin ao cativerio dos mariñeiros
Onte, cando vencía o ultimato dos piratas de executar a tres da tripulación se non volvían os seus compañeiros, os secuestradores abriron a canle telefónica para que o patrón expuxera as súas reivindicacións.
-¿Qué tal están?
-Máis ou menos, peor que estes días atrás, miña filla. Cada vez peor. Estamos sen auga. As potabilizadoras que temos no barco poden tratar 2.000 litros ao día, pero somos 60 persoas e non chega. Pedímoslles por favor que non gasten, pero a estes dálles igual, non respectan nada.
-¿Canto levan sen auga?
-Dende onte.
-¿E comen?
-Comer si, pero se se nos acaba a auga, a ver como facemos de comer. A potabilizadora en parado dá só 2.000 litros e é pouca; gastamos 6.000. Abaixo a xente non se ducha, pero a estes dálles igual, abren as billas e déixanas abertas, poñen as lavadoras en marcha... ¡dálles igual!
-Hoxe déixanlles coller o teléfono outra vez.
-É para que fagamos presión. Eles decátanse de todo, saben que xa hai movementos en España para que volvan os compañeiros pola BBC . Hoxe déixanme falar para atender aos medios, pero eu aproveitei, díxenlles que ía chamar ao armador e chamei á casa. Falei con eles porque, quen sabe, dentro de pouco igual volve o pirata e garda o teléfono. Quita a caravilla e lévao. Tiñamos tres teléfonos, pero dous rompéronos e só queda este.
-E agora, ¿que queren que transmitades?
-Que traian aos piratas.
-¿É certo que so queren a extradición ou que os solten?
-Que os traian, nada de extradición para xulgalos. O que pediron sempre, que os traian a Somalia e xa está. O mesmo que pediron dende un principio, por máis que o Goberno mentira e diga que non, que os piratas non entraban na negociación. O dos cartos parece que o contrato está cerrado, agora falta que veñan eses dous. Creo, segundo me dixo o armador, que todo o Goberno está decidido a mandar aos piratas para acó. A ver se cumpre, porque non me fío nada.
-¿E cal é a vosa petición?
-Máis ca unha petición é unha súplica. Suplico ao Goberno que traia canto antes aos dous piratas para poder marchar nós e ver que se acaba este calvario.
-¿Sabe canto pediron por liberar o pesqueiro?
-Non o sei, nin o diría.
-¿Sabe se Antonio, Joaquín e Patxi [os tres mariñeiros levados a terra] volveron ao barco?
-Non o sei, porque a min non me deixan mover de aquí, da ponte, e non estou en contacto co resto. Cando vén o camareiro a traer a comida, preguntámoslle que tal e el di que ben, pero non nos deixan falar máis.
-¿Pode que aínda estean en terra, logo?
-Non o sei, supoñemos que están no barco, pero non o sabemos con exactitude. Só vemos ao camareiro, que é de Madagascar e aínda que entende español, non o fala moito. De vez en cando sobe o cociñeiro que é vasco e podemos preguntar algo.
-Esta mañá esperabades unha chamada importante.
-Si, era para ver en que quedaba a reunión entre o armador e o embaixador co primeiro ministro de Somalia.
-¿Cre que podería ser definitiva para a liberación?
-¡Que va! Se teñen máis poder eles [os piratas] que o Goberno. Pero, ben, tal e como estamos, témonos que agarrar a calquera folliña que aparece flotando e, por iso, unha pouca esperanza témola. A ver que pasa. Estamos un pouco máis contentos porque o armador díxonos que está o presidente Zapatero involucrado e mirando para ver se manda a eses dous para acó. É a noticia máis grata que tivemos en 15 días. Menos mal que empezaron a moverse despois de que rebentaramos e, coa familia e vós, os medios, empezaramos a facer presión. Se non, aquí nos terían, unha semana e outra e outra, con tanta mentira.
-Entón non confiades moito en que ao acabar a reunión os piratas se vaian do barco.
-Non, que va, para nada. Simplemente é unha ilusión que o armador nos dixera que o Goberno esta decidido a traelos a Somalia. Xa sei que non pode ser mañá, pero nunha semana...
-¿Maltrátanos?
-Si, cada vez máis. Os piratas están máis nerviosos, trátannos peor e humíllannos. Antes o xefe íase pola mañá, pero agora leva 3 ou 4 días a bordo.
-¿O negociador?
-Non, o xefe de todo, o que eles chaman o presidente. Leva 4 días aquí e ata os piratas que antes eran mais dóciles, como está el aquí, póñense bravos, rinse de nós, cúspennos na cara, empezan a pegar tiros...
-Déixanos durmir
-No chan, pero chega a noite e 5 ou 6 empezan coa metralladora a facer ruído, clac, clac, e non deixan durmir.
-Só lle deixan telefonar a vostede ou o capitán tamén chamou.
-Tamén o deixan, pero é un rapaz xove, de 29 anos, e ponse nervioso, por iso falo eu. Está mal, adelgazou moitísimo. Estou preocupado por el, e pola xente de abaixo.
-E por vostede, Ricardo.
-Eu xa non miro por min, miro máis por eles.
Link: www.lavozdegalicia.es


