«Non acabamos co problema aínda, pero polo menos estamos en vías de recuperar o respecto aos axentes»
entrevista | lino sexto | Subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia
Se a conselleira é a principal inimiga dos furtivos, Lino Sexto é, nesa batalla, o brazo executor da estratexia de aquela, unha estratexia renovada que, segundo o subdirector xeral, si está a dar resultados «razoables».
-Pero o furtivismo sigue...
-Non é fácil acabar con el, é un costume difícil de erradicar. Está claro que se hai furtivos é porque alguén lles compra, por iso non nos fartamos de pedir á xente que non lle compre a ese paisano que vai pola rúa cunha bolsiña de percebes. Iso supón un prexuízo tanto para o profesional que paga os seus impostos, como para a sociedade, que non ten garantías sanitarias sobre ese produto que consume e mesmo para a imaxe de calidade do marisco galego como produto de calidade.
-Refírese ao furtivismo como unha costume. ¿É realmente costume ou xa é un vicio?
-Xa pode chegar a ser incluso un vicio. Costume é a do xubilado que apaña dúas ameixas; é algo que fixo toda a vida e é unha conduta que hai que tratar de eliminar tamén, pero o realmente problemático é o que o ten como medio de vida.
-¿Está xa profesionalizado?
-Si, hai xente que vive disto, e debe vivir ben, porque lle costa moito traballo perder ese vicio . O furtivismo é unha actividade histórica , ademais das accións represivas tamén hai que facer unha labor formativa e tratar de concienciar tanto aos profesionais como aos consumidores de que por aforrar dous euros non se pode seguir permitindo estas prácticas á altura do século que vivimos.
-¿A nova estratexia está a dar resultados positivos?
-Está a dar resultados razoables, aínda que eu non estarei totalmente satisfeito ata que non se acabe este problema. A anterior liña de actuación arroxaba un balance máis ben pobre, sobre todo naquelas zonas onde o furtivismo transcendía de práctica ilícita e era xa máis unha cuestión de orde pública, como as rías do Burgo e de Ferrol, con asentamentos chabolistas ao carón dos recursos. Os nosos axentes, cando ían por aí armados de bolígrafo, tiñan problemas porque os furtivos non lles obedecían, nin permitían que se decomisase nada, posto que os superaban en número e só conquerían insultos e ata pedradas. Agora, ao ir acompañados das forzas do orde, a cousa cambia, e xa podemos incautarlles os medios para realizar esta actividade ilícita, ademais de decomisarlle o marisco. Non acabamos co problema aínda, pero polo menos estamos en vías de recuperar o respecto aos axentes de Gardacostas.
-¿De que sirve identificar aos furtivos se algúns deles teñen ata 70 actas levantadas?
-E que a actividade furtiva non é delito, senón unha falta administrativa que soe terminar nunha multa. Se o expedientado é insolvente, non vai nin pagar, nin se lle pode ir por Facenda. Por eso intentamos que se modifique o Código Penal para que se considere delito. Se se podese ir ao cárcere por coller ameixas, ao mellor o furtivo o pensaría mellor.
Link: www.lavozdegalicia.es


