«Isto vai ser o pan de cada día ata que funcione a depuración»
Entrevista | victoriano urgorri catedrático de zooloxía mariña e director da estación de bioloxía mariña da graña
Na fotografía, de arquivo, o catedrático Victoriano Urgorri Autor de la imagen: | MARCOS CREO
Para o director da Estación de Bioloxía Mariña de A Graña, Victoriano Urgorri (Ferrol, 1951) a ampliación das zonas C na ría non é nada que se poida considerar sorpresivo tendo en conta os precedentes. -¿Agardaba que se puideran declarar aínda máis bancos da ría como zonas C? -Non é ningunha sorpresa. De feito, isto vai ser o pan de cada día ata que funcione a depuración. É obvio. Hai moitas obras civís que pechan a circulación das augas, moitos verquidos directos á ría pola densidade de poboación... É un escenario que se repite ao longo dos anos e que aínda se pode agravar máis, porque pode haber aínda máis residentes. -Tampouco se pode agardar que a situación mellore dun día para outro cando haxa sistema de depuración no norte e no sur... -A situación vaise ver aliviada dende o día seguinte a que entre en funcionamento o sistema de depuración. Por algo que é evidente. Porque se vai deixar de verter de xeito directo. Pero claro, a ría ten un exceso de materia orgánica que sae das casas, dos retretes... Atópase no medio mariño nunha cantidade moi superior á súa capacidade natural de rexeneración. Polo tanto, aínda que a depuración axude a cambiar ese escenario dende o primeiro día, haberá que agardar para que se poida considerar que a situación ten mellorado. -¿Canto tempo será necesario para poder chegar a ese escenario? -Coido que entre tres ou catro anos despois de que entren en funcionamento os sistemas de depuración da ría. -¿Existen outros factores ademais da contaminación orgánica que inciden negativamente na ría? -Si. De momento non falamos aínda da contaminación de carácter industrial, que tamén existe e que está a quedar ao marxe do que tratamos. E outras cousas. Xa dixen que hai unha influencia moi clara de construcións civís como, por exemplo, a ponte das Pías. Pero tamén outras máis recentes. -¿Pode por algún exemplo? -Pois so hai que pensar no espigón do porto exterior. Trátase dun elemento que reduxo as correntes e que, polo tanto, provoca que haxa unha menor renovación das augas na ría, coas consecuencias que iso implica. E ao final todo redunda no mesmo, que temos unha ría que non se atopa saneada e na que, ademais, cada vez existen máis construcións que son alleas a ese medio natural.
Link: www.lavozdegalicia.es


